A mellor música folque no Día de Galicia en Euskadi

lorenço

Unha das datas incontornábeis no calendario festivo da comunidade galega en Euskal Herria constitúea o Día de Galicia en Euskadi, que neste ano atinxe a súa trixésima edición cun programa de actividades que se desenvolverán en Ermua entre os días 25 e 28 deste mes de xuño. De todas esas propostas queremos salientar especialmente unha: o concerto que oferecerá o gaiteiro Anxo Lorenzo na sexta-feira (26 de xuño) a partir das 20:30. Sen dúbida, un convidado de auténtico luxo que toma o relevo da cantautora Sés, protagonista do concerto que abriu a edición anterior do Día de Galicia en Euskadi celebrado en Vitoria-Gasteiz.

De Anxo Lorenzo (Moaña, 1974) pouco se pode dicer que non saibades. Após dar nas vistas dos adeptos á música folque hai uns anos co seu proxecto Spiritu 986, Anxo tornouse un dos músicos galegos con maior proxección internacional, tendo colaborado con bandas e artistas como Ross Ainslie, Dáimh, Kathryn Tickell ou Lúnasa, entre outros, e sendo un habitual dos circuítos de música celta de todo o mundo. Tras Tirán (2009), o seu primeiro traballo en solitario, apresenta agora a súa nova proposta, Confuxon (2014), un disco máis breve que o anterior, mais dotado da mesma forza e contundencia, e con convidados estelares como o xa habitual Eoghan Neff ao violino ou o asturiano Rubén Bada (At First Light, DRD…) coa guitarra.

Se o queredes comprobar en primeira man, é só acudir a Ermua na sexta-feira próxima. Mentres tanto, e para os que aínda non coñezades a música deste magnífico gaiteiro, velaquí vos deixamos un petisco: estes pasacorredoiras interpretados ao vivo no Festival de Ortigueira do ano pasado.

Estas entrada foi publicada en ACTIVIDADES, FOLQUE NA CONTORNA coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar un comentario