Obradoiro de canto e pandeireta galega con Davide Salvado

TALLER DAVIDE SALVADO

As boas noticias raras veces costuman vir de dúas en dúas, mais esta é unha feliz excepción. Lembrades que hai uns días vos informabamos neste mesmo espazo do concerto que irá oferecer Davide Salvado en Gasteiz? Pois ben, nese mesmo día (14 de outubro), o cantor e percusionista de Marín estará en Bilbo para ministrar un pequeno atelié de canto e pandeireta tradicional galega que decorrerá de 17:00 a 21:00 h. Trátase de máis unha iniciativa da Escuela de FolK, o proxecto nascido en Vitoria-Gasteiz hai aproximadamente un ano e que desde entón non deixa de nos agasallar con eventos como este, e aínda outros dos cales tamén vos demos información neste mesmo blogue.

Para aqueles que estiverdes interesados nesta actividade, é só contactar no telefone e/ou no correo electrónico que aparecen no cartaz.

Publicado en ACTIVIDADES, CURSOS | Etiquetado , , | Deixar un comentario

“Lobos”: o novo disco de Davide Salvado estréase en Vitoria-Gasteiz

davide salvado concierto-page-001

No ámbito da percusión e do canto tradicionais, Davide Salvado (Marín, 1981) é xa un nome plenamente consagrado e consolidado. Para alén da súa participación en proxectos colectivos como A Banda das Crechas ou o cuarteto Rústica, ou a súa colaboración en traballos discográficos como o recente Galiza de Kepa Junkera, Salvado veu desenvolvendo unha carreira propria que comezou con Árnica pura (2011) e que continúa agora co seu último álbum, Lobos (2015), un traballo en que homenaxea a Galiza máis pura e selvaxe inspirándose na figura dun animal moi presente no imaxinario galego. A heranza das vellas pandeireteiras, bailadoras e cantadoras da tradición galega percorren estes dez temas para os cales Davide lanzou man de colaboradores como Santi Cribeiro, Quim Farinha, Xavi Lozano ou Pedro Pascual, entre outros.

Pois ben, aqueles que tiverdes a sorte de estar por Gasteiz en 14 de outubro próximo (cuarta-feira / mércores) poderedes gozar dun concerto de apresentación de Lobos que decorrerá na Faculdade de Letras da EHU/UPV ás 11:00 h. Para a ocasión, Davide Salvado estará acompañado de Santi Cribeiro (membro fundador de Berrogüetto) e de Pablo Dalama. Non faltedes!

Publicado en ACTIVIDADES | Etiquetado , , , , | Deixar un comentario

A mellor música folque no Día de Galicia en Euskadi

lorenço

Unha das datas incontornábeis no calendario festivo da comunidade galega en Euskal Herria constitúea o Día de Galicia en Euskadi, que neste ano atinxe a súa trixésima edición cun programa de actividades que se desenvolverán en Ermua entre os días 25 e 28 deste mes de xuño. De todas esas propostas queremos salientar especialmente unha: o concerto que oferecerá o gaiteiro Anxo Lorenzo na sexta-feira (26 de xuño) a partir das 20:30. Sen dúbida, un convidado de auténtico luxo que toma o relevo da cantautora Sés, protagonista do concerto que abriu a edición anterior do Día de Galicia en Euskadi celebrado en Vitoria-Gasteiz.

De Anxo Lorenzo (Moaña, 1974) pouco se pode dicer que non saibades. Após dar nas vistas dos adeptos á música folque hai uns anos co seu proxecto Spiritu 986, Anxo tornouse un dos músicos galegos con maior proxección internacional, tendo colaborado con bandas e artistas como Ross Ainslie, Dáimh, Kathryn Tickell ou Lúnasa, entre outros, e sendo un habitual dos circuítos de música celta de todo o mundo. Tras Tirán (2009), o seu primeiro traballo en solitario, apresenta agora a súa nova proposta, Confuxon (2014), un disco máis breve que o anterior, mais dotado da mesma forza e contundencia, e con convidados estelares como o xa habitual Eoghan Neff ao violino ou o asturiano Rubén Bada (At First Light, DRD…) coa guitarra.

Se o queredes comprobar en primeira man, é só acudir a Ermua na sexta-feira próxima. Mentres tanto, e para os que aínda non coñezades a música deste magnífico gaiteiro, velaquí vos deixamos un petisco: estes pasacorredoiras interpretados ao vivo no Festival de Ortigueira do ano pasado.

Publicado en ACTIVIDADES, FOLQUE NA CONTORNA | Etiquetado , , | Deixar un comentario

Xosé María Díaz Castro regresa a Masustegi…

diaz castro

… E farao a través da homenaxe á súa persoa e á súa obra que organiza a Asociación Cultural “Rosalía de Castro” de Barakaldo en parcería coa asociación viciñal “San Gabriel” do bairro de Masustegi. O evento decorrerá na fin de semana próxima (nos días 19, 20 e 21 de xuño) e, para alén da palestra inaugural con que Raúl Río nos introducirá na personalidade do homenaxeado nas Letras Galegas de 2014, contará cun bo feixe de proxeccións audiovisuais, desde o clásico Nimbos de poesía de Xulio Xiz (que podedes asistir na íntegra aquí mesmo) até ás achegas máis recentes de Marcos Nine ou Xosé Antón Cascudo.

Publicado en ACTIVIDADES | Etiquetado , , , , , , | Deixar un comentario

I Jornadas GALIZAleak: a Asemblea Cultural Galega de Barcelona

barna

A associaçom GALIZAleak nom é (nem por isso) o único coletivo nascido na diáspora galega que visa explorar caminhos novos na visibilizaçom da cultura galega nos respectivos países e territórios de acolhimento. Outro desses projetos é a Asemblea Cultural Galega de Barcelona (ACGB), cujas experiências desde a emigraçom galega na Catalunha (longe dos imaginários estereotipados que continuam a manter nom poucos centros galegos) estám a servir como referência para outras associaçons do género. A sua presença nas I Jornadas GALIZAleak era, portanto, obrigada.

O QUE? Palestra Galizar emigrazioaren beste gertaera batzuk Outras experiências na emigraçom galega, ministrada por Anxo Baranga Sílvia Pons

QUANDO? 30 de maio (sábado)

ONDE? Zirikia Herri Gunea (Erronda Kalea, 12 – Bilbo). Vê o mapa aqui

A QUE HORAS? Às 13:00

PREÇO? De balde!

E QUEM SOM ELAS? A Asemblea Cultural Galega de Barcelona nasceu em 2012, na sequência da crise que tivo lugar no Centro Galego da cidade condal e que fizo com que boa parte dos/das jovens vinculados/as a ele (e descontentes com o rumo que estava a tomar) decidissem pôr a andar um projeto novo. Um projeto para umha “diáspora 2.0”, como eles próprios assinalam, com umhas dinâmicas de acçom horizontais e populares, e no qual o idioma galego constitui um elemento fundamental e irrenunciável. Desde entom, a ACGB (que tem a sua sede no Ateneu Roig do bairro de Gràcia) nom deixou de dar frutos, tal e como podeis comprovar com só premir aqui e dar uma vista de olhos à sua página web: equipa de futebol gaélico, actividades em galego para crianças (eis a LudoteGa!), aulas práticas de galego e catalão, aulas e ateliês de música tradicional, participaçom em celebraçons tam emblemáticas como o Sant Jordi… Um trabalho espetacular, gerido desde a base, que teremos a ocasiom de conhecer em primeira mão ao sábado próximo.

Publicado en ACTIVIDADES | Etiquetado , , , | Deixar un comentario

I Jornadas GALIZAleak: a companhia Daboapipa

daboapipa

Um dos intuitos mais interessantes com que nasceu a associaçom GALIZAleak é a programaçom de atividades em língua galega para os/as miúdos/as, sobretudo para as crianças nascidas já em Euskal Herria mas cujos progenitores, galego-falantes, tenhem vontade de lhes transmitir o idioma (com tudo quanto isso envolve). Para começar a andar este caminho tam necessário, a associaçom convida-nos a desfrutar de dous espectáculos da mão da companhia galega Daboapipa.

O QUE? Contos de animalario (sessom de conta-contos para crianças) e Historias de vida, guerra, amor e case morte (cabaré)

QUANDO? 30 de maio (sábado)

ONDE? Zirika Herri Gunea (Erronda Kalea, 12 – Bilbo). Vê o mapa aqui

A QUE HORAS? Às 12:00 (conta-contos) e às 14:30 (comida popular e cabaré)

PREÇO? Tudo de balde, exceto a comida popular e o cabaré (7 €). Para a comida popular e o cabaré é necessário inscrever-se em galizaleak@gmail.com

E QUEM SOM ELAS? A companhia Daboapipa é um duo voltado para a narraçom oral e a música. A voz que canta e conta é a de Vero Rilo, de Mugardos, com alargada experiência como educadora infantil quer na Galiza quer em Portugal. Os dedos que criam e interpretam as melodias som os de Santi Prieto, de Cedeira, que tem feito parte de diferentes formaçons musicais, para além de ser aluno de acordeom do grande Santi Cribeiro (Berrogüetto).  

Em Contos de animalario, Vero e Santi oferecem-nos umha viagem de cerca de 40 minutos polos montes, os prados e os caminhos do país, onde bateremos com alguns dos animais mais extraordinários que a nossa imaginaçom poda conceber: toupas choscas, ferozes dragons, cavalos azuis… Após este espectáculo (pensado para crianças de 2 a 6 anos), e depois de repor forças com o jantar popular, será a vez de Historias de vida, amor, guerra e case morte, que podemos definir como “cabaré” ou, de sermos mais estritos, como umha proposta a meio caminho entre a narraçom oral e o teatro, com música ao vivo, onde o protagonismo será para as histórias apanhadas da memória e das experiências reais dos/das nossos/as idosos/as.

Se quiserdes conhecer mais, quer sobre estes dous espectáculos quer sobre Daboapipa em geral, é só premir aqui. No entanto, eis um pequeno vídeo de umha das suas actuaçons, que decorreu há uns meses ao abrigo do Culturgal.

Publicado en ACTIVIDADES | Etiquetado , , , , , | Deixar un comentario

I Jornadas GALIZAleak: o coletivo CEIVAR

pre@s

Menos conhecidos do que os ocorridos em Euskal Herria (até por ocuparem um espaço muito menor nos média espanhóis), os casos de repressom política na Galiza nom deixaram de se produzir no decurso dos últimos anos. Nas Jornadas GALIZAleak fizemos um oco para umha realidade que precisa de ser visibilizada e que, com certeza, resultará especialmente interessante para um público como o basco, habituado (infelizmente) durante muito tempo a situaçons deste género. Para isso, nada melhor do que a gente do organismo Ceivar.

O QUE? Os processos repressivos na Galiza (palestra)

QUANDO? 29 de maio (sexta-feira)

ONDE? Zirika Herri Gunea (Erronda Kalea, 12 – Bilbo). Vê o mapa aqui

A QUE HORAS? Às 19:00

PREÇO? De balde!

E QUEM SOM ELAS? O coletivo Ceivar (organismo popular anti-repressivo) leva mais de umha década a lidar com as diferentes formas de repressom (política, mas nom só) da qual tem sido alvo, fundamentalmente, o nacionalismo independentista de esquerdas. O apoio jurídico e legal a militantes presos/as, a reivindicaçom do seu achegamento a centros penitenciários do país, a cobertura da repressom económica (em forma de coimas, multas etc.) ou a simples denúncia das situaçons de repressom padecidas por pessoas e setores da sociedade galega som algumhas das funçons que desenvolve este organismo, e que com certeza irám saindo à tona no decurso desta palestra.

Publicado en ACTIVIDADES, Uncategorized | Etiquetado , , | Deixar un comentario