“Xurxo Galleta Branda”, un conto de Xoán Alonso ilustrado por Eider Baile

SKMBT_C45214070109461

No noso blogue xa vos temos oferecido algunha que outra primicia literaria, mais aínda non tivéramos ocasión de tocar un dos xéneros no que máis teñen salientado os/as autores/as galegos/as nos últimos tempos: estamos a nos referir á literatura infantil e xuvenil (LIX), ao redor da cal teñen xurdido proxectos editoriais e persoais ben interesantes que vencellan texto e ilustración. Trátase, aliás, de propostas que adoitan ser ben recebidas en terras vascas, onde residen na actualidade moitas parellas galego-falantes que teiman en criar os fillos na súa lingua materna e que demandan produtos especificamente dirixidos para eles. Mais ese é un tema no que, se o tempo o permite, habemos afondar algo máis adiante.

Sexa como for, hoxe traémosvos a “Galego en Euskal Herria” un pequeno conto titulado “Xurxo Galleta Branda”. O texto é obra de Xoán Alonso (Redondela, 1976), que na actualidade está a morar na localidade guipuscoana de Errenteria e que, de feito, preside desde hai algún tempo a Casa de Galicia de Donostia. Filólogo inglés de formación, ten traducido para ese idioma textos de autores vascos como La casa del olvido, de Carlos Aurtenetxe, ou Mahatz denbora, de Patxi Ezkiaga, ademais de escreber os seus proprios textos literarios (quer poéticos quer narrativos, e tanto en galego como en castelán) e de compor temas musicais como os que gravou, a comezos deste ano 2014, para o Festival Internacional de Títeres de Redondela.

E se Xoán Alonso é o responsábel do texto, a autora das ilustracións que o acompañan é Eider Baile (Donostia, 1990), licenciada en Belas Artes pola UPV/EHU e que leva ilustrado unha morea de contos infantís para a escritora Verónica Pérez. “Xurxo Galleta Branda” é, de feito, a súa primeira colaboración con Xoán Alonso.


Imagen1

Xurxo Galleta Branda é un neno de seis anos como todos os nenos da súa idade. Gústanlle os debuxos, pintar, botarse polo tobogán do parque, os contos e, sobre todo, ir ao colexio.

SKMBT_C45214070109380

Dende que aprendeu a se vestir só, a súa nai agárdao na cociña todas as mañás, co leite na temperatura ideal. Nin quente, nin frío. A temperatura axeitada para que Xurxo poida bañar as súas galletas favoritas sen que rompan. Tal é a súa paixón polas galletas que sería quen de comer quince nun só almorzo.

SKMBT_C45214070109451

Xurxo ten un soño: converterse no primeiro neno galleta do mundo. Por iso nunca cansa de comelas.

Imaxina que o seu corpo algún día será comestible e que todos os seus amigos da clase se han pelexar por xogar con el. Todos devecerán por comelo.

SKMBT_C45214070109351

Unha mañá, á saída do colexio, Xurxo comezou a lle facer preguntas a súa nai e a lle contar os seus plans para o día no que se convirta nun neno galleta.

Mamá, cando me convirta nunha galleta, podereille dar unha orella a Alba e outra a Xoel?

Xurxo dá as orelhas

A Alba era a súa mellor amiga dende que comezara o curso. Con ela perdéralle o medo a quedar só con tantos cativos xuntos. Dende o primeiro día os dous pequerrechos fixéranse inseparables.

A Alba

O Xoel era o seu mestre. Grazas a el e ao seu bo xeito na paciente tarefa de facer que os nenos non se sintan estraños, Xurxo trocara o pranto polos sorisos.

O Xoel

Claro que si, meu rei, pero tes que saber que se che comen as orellas non poderás escoitar como cantan os paxaros, nin tampouco escoitarás cando chame por ti –respondeulle súa nai, abraiada e coa sombra dun sorriso nos beizos.

SKMBT_C45214070109390

–Ben, pois daquela só lles deixarei comer o meu nariz! –espetoulle Xurxo,  nun intento de atopar algunha vantaxe na cousa de ser un neno galleta.

 –Paréceme ben, pero tes que saber que se che comen o nariz, non poderás cheirar as flores.

O Xurxo não pode ulir

Xurxo ficou calado un intre, ollando  a auga do río, que divide a súa vila en dous,  e as follas das árbores indo cara ao mar coma se fosen gamelas á deriva.

SKMBT_C45214070109440

Logo engadiu:

–É verdade, mamá. Daquela, o mellor será que coman os meus ollos.

–Estás seguro?

–Pois non che sei. Se cadra aínda son moi novo para saber todas as cousas do mundo.

–Cómpre que saibas que se che comen os ollos non poderás ver o sol nin a lúa, e eu tereiche que axudar a camiñar –aclaroulle súa nai, seguíndolle a corrente.

SKMBT_C45214070109441

Un pouco abafado polo que suporía converterse no primeiro neno galleta do mundo, Xurxo acertou a dicir finalmente:

–Levas razón, mamá. Pois só lles deixarei que coman a miña boca! Iso só, nada máis cá miña boca. Estou seguro de que han de quedar encantados cos meus beizos!

–Síntocho moito, meu ben. Non quero que penses que hoxe teño gana de che levar a contraria, pero non creo que sexa a mellor idea. Se che comen a boca, xa non poderás falar, comer e, sobre todo, xa non me poderás dar bicos polas noites despois de che contar os contos que tanto nos gustan.

SKMBT_C45214070110260

Xurxo volveu quedar en silencio e triste. Iso de ser o primeiro neno galleta do mundo tiña unha morea de inconvenientes. Había de perder un feixe de cousas que o facían sorrir, e iso non lle gustaba nada.

–Mira mamá, ti ben sabes o que me gusta a praia, o sol e a lúa, pero  se me convertese nunha galleta podería vivir sen ver o sol e a lúa. Podería vivir sen o recendo das flores amarelas que enxoian os nosos montes. Podería vivir sen escoitar o canto ledo dos paxaros ceibes. Ata podería vivir sen xantar as miñas comidas favoritas. Porén, non podería vivir sen os teus bicos de boas noites. Eses bicos que me agasallas cada noite, xusto antes de eu adormecer. Pero aínda que xa non me queira converter en neno galleta, non sei se poderei seguir comendo tantas galletas como me pete.

A súa nai, sen palabras e cun nó na gorxa que tornaba en bágoas, deulle unha aperta como só saben abrazar as nais, coa alma.

–Claro que si, Xurxo!

SKMBT_C45214070109430

Foi entón cando Xurxo volveu sorrir e abraozu a súa nai coma unha árbore que estira as  ponlas cara ao ceo. De camiño á casa comezou a chover coma se fose a fin do mundo. Recendía a terra mollada, os paxaros engaiolados repinicaban muiñeiras de ledicia e Xurxo comezou a ter unha fame tremenda cando ollou nunha pastelaría as súas galletas preferidas.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en CREACIÓN coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s