Poemas de Iñigo Astiz traducidos ao galego (II)

InigoApós a primeira entrega de hai un par de días, e como se dun menú de degustación poética se tratase, velaquí vos deixamos un novo petisco da obra de Iñigo Astiz, traducida ao galego por Arsenio Iglesias Pazos. Desta vez é a quenda de dous dos sete “experimentos” que aparecen no seu poemario Baita hondakinak ere. Como sabedes, para accederdes á versión orixinal dos textos só tendes que premer no título en éuscaro que aparece entre parénteses. Que gostedes!



EXPERIMENTO PRESENCIAL NAS ESCALEIRAS 
(ESPERIMENTU PRESENTZIALA ESKAILERETAN)

Non sei quen foi, pero alguén
me calculou un tempo aquí.
Prendo a luz das escaleiras e
quedo alí a mirar
cando supoñen que ando fóra,
cando debo estar noutro sitio,
con outra persoa se cadra,
ou polo menos non aquí:
só quieto, calado. Sen facer nada.
Teño unha presenza media
neste preciso lugar do mundo,
e decidín hoxe esgotar
o tempo da miña existencia aleatoria
sen deixar excedentes a outro.
Para quen son os meus segundos
cando non estou? Substitúenme?
Por segunda vez prendo a luz, quieto,
non podo imaxinar a cambio
de que outro momento podería sacrificar este,
en que outro lugar me pensaron,
e que outra vida soñaron para min.

EXPERIMENTO XEÓFAGO NO XARDÍN/LABORATORIO (ESPERIMENTU GEOFAGOA L(AB)ORATEGIAN)

Se eu pudesse trincar a terra toda,
E sentir-lhe um paladar,
Seria mais feliz um momento…
Alberto Caeiro
Apañei na horta unha man de terra
e metina na boca logo de apartar as pedras
pero non as dei quitado todas.
As enxivas, doídas, déronme en sangrar.
E segundo mastigaba, fun notando
mesturarse e pegárense ao padal
o sangue, a terra e os séculos
que o tempo devagar acumulou alí.

 

Sangue, terra, séculos. Palabras grandes as tres,
pero tamén de sabor cativo,
que se van esmigallando aos poucos, ademais,
entre os dentes, na gorxa, camiño do estómago.
E pode semellar paradoxal, porque no fondo
estamos a falar de tempo amoreado,
pero de súpeto todo se volve urxente:
agora son portador de vida.
Podo criar unha árbore en min,
e sen precisar de metáforas
podo ser refuxio de alguén.
Pódenme invadir, dar en alugueiro ou,
talvez, deixarme estar,
coma unha illa sen valor estratéxico;
podo ter raíces, bandeiras,
e habitantes máis ou menos felices.

 

Son dono dunha responsabilidade grande.
Teño que defender este territorio
roubado ao mundo pola forza
inda que sei que non vai durar,
debo salvar un país
contra todos os demais mapas e países
que lle desexan a extinción.
Pero non todo é canso. Por un intre
mesmo é agradable ser xeografía:
sentíreste tan lugar coma persoa.

 

 

Advertisements
Estas entrada foi publicada en CREACIÓN coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

2 Responses to Poemas de Iñigo Astiz traducidos ao galego (II)

  1. Todos os poemas firen ao gustar, estes tamen firen ao pensar.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s