Poemas de Iñigo Astiz traducidos ao galego (I)

astizsolapa

Unha das intencións con que naceu este blogue (se non a principal) é a de servir de elo entre a literatura galega e a literatura escrita en éuscaro. Por iso é para nós toda unha honra contar coa colaboración do poeta Iñigo Astiz, de quen iremos publicando varios textos ao longo dos vindeiros días.

Nado en Iruñea (Nafarroa) en 1985, Iñigo estudou Xornalismo, profesión que exerce na actualidade na sección de Cultura do xornal Berria. Hai uns meses publicou a tradución ao éuscaro do libro Ariel & Other poems, de Sylvia Plath, na editorial Denonartean. Mais, para alén de tradutor, Iñigo tamén crea os seus proprios textos, tal e como demostra o poemario Baita hondakinak ere (Susa, 2012), ao cal pertencen as composicións que iremos debullando para vós. A tradución ao galego destes poemas foi realizada por Arsenio Iglesias Pazos, e para accederdes á versión orixinal en éuscaro só tendes que premer no subtítulo de cada un deles que aparece entre parénteses.


CINZAS (ERRAUTSAK)

Falas da morte na sobremesa, mamá,
da Túa morte e tamén da Miña, porque,
mentres anuncias onde espallar as túas cinzas,
refíreste con atroz normalidade
a aquel xeito de morrer previo á miña existencia.

 

Sinto asombrado que calas os demais lugares
e escolles Urbasa. Logo dás os motivos:
como me dis, como me dis a Min,
alí fostes máis felices ca en ningures
e alí estabades Todos. “Non teño outro lugar
onde espallar as cinzas”. Dilo con calma. Demasiada.

 

De golpe entendo que non sei nada dos teus días mellores,
que os teus días máis cheos son sen Min
e dou en fantasiar que estou alí convosco,
que boto convosco ese día anterior a eu nacer
no que pensas; a falarmos entre a néboa,
apenas chegando a distinguirnos, segundo contas,
e sen outro norte cás Nosas historias.

 

Habíaste decatar da miña presenza, mamá?
Habíasme recoñecer como fillo? Persistirías
na opción de Me ter, incluso logo de coñecerMe?
Podía ser un máis, se cadra, entre a tía e ti,
un máis en Urbasa, cociñando para Nós e os Demais,
a pelar as patacas que a avoa me achegaba por ti,
sen dar entendido ben o porqué, pero sentíndoMe
parte tamén dese algo Teu tan grande.

A MORTE OU A ALIMENTACIÓN EXPLICADA A NENOS OU CRÍAS DE LEÓN (HERIOTZA EDO ELIKADURA HAURREI EDO LEHOIKUMEEI ESPLIKATUA)

O neno.
O neno e a fiestra.
A fiestra e a león.
O león e o neno.
O león.

 

E o neno?
Advertisements
Estas entrada foi publicada en CREACIÓN coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

One Response to Poemas de Iñigo Astiz traducidos ao galego (I)

  1. Pingback: Poemas de Iñigo Astiz traducidos ao galego (II) | Galego en Euskal Herria

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s