Música folque para celebrar as Letras Galegas en Sestao e Santurtzi

ruaille buaille sestaon

Vai rematando o mes de maio, e con el tamén van chegando á súa fin as diversas actividades con que os centros galegos en Euskal Herria celebran as Letras Galegas. Entre esas propostas, a música sempre conta cun papel sobranceiro, e así o poderemos comprobar de feito o vindeiro sábado, 31 de maio, data en que coincidirán dous concertos máis que interesantes.

Por unha banda, a Agrupación “Hijos de Galicia” de Sestao organiza o concerto do grupo barakaldés Ruaille-Buaille, que terá lugar ás 20:45 h. na Praza de San Pedro. Ruaille-Buaille é unha das bandas máis coñecidas do panorama folque vasco, e a súa proposta  (moi influenciada pola música tradicional irlandesa, aínda que cada vez máis aberta a influencias doutros ámbitos e estilos) fíxose especialmente coñecida grazas á súa participación no “Proxecto Runas” do Festival de Ortigueira, do cal resultaron vencedores na edición do pasado ano 2013. Especial mención merece, polas súas orixes galaicas, o gaiteiro Alberte Sanmartín Montaña (Deustu, 1970), tamén compoñente do grupo de música tradicional Ceo do Sil e que en 2013 foi galardoado coa Insignia de Ouro que concede anualmente a Irmandade de Centros Galegos en Euskadi. Con este concerto de Ruaille-Buaille, a Agrupación “Hijos de Galicia” iralle pondo o punto e final ás actividades que conforman a súa Semana Cultural das Letras Galegas (cuxo programa íntegro podedes consultar aquí mesmo).

Kepa eta Xabier Santurtzin

Após gozardes dos sons celtas de Ruaille-Buaille, é cuestión de apañardes rapidamente o metro para chegar a tempo ao outro gran concerto da xornada: o que protagonizarán Kepa Junkera e Xabier Díaz na Praza de Gernika de Santurtzi, a partir das 22:00 h. Organiza o evento a Casa de Galiza de Santurtzi, no marco da Feira das Letras Galegas que se desenvolverá nesa localidade entre o 29 de maio e o 1 de xuño. O concerto servirá para apresentar o recente proxecto discográfico do trikitilari bilbaino, “Galiza”, cun formato similar ao empregado en concertos de apresentación como o que tivo lugar hai un par de semanas en Lisboa. No tocante a Xabier Díaz, esta será a súa enésima actuación en terras vascas en poucos días (e xa podemos ir adiantando que non ha de ser a última), algo do que non podemos menos que alegrarnos e parabenizarnos.

En definitiva, dous pratos musicais ben gorentosos para irmos pechando o mes máis efervescente da cultura galega en Euskal Herria.  Bo proveito!

Advertisements
Estas entrada foi publicada en ACTIVIDADES coas etiquetas , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s