“Arte Galega”: crónica dun aniversario

Arte-Galega-50-aniversario-470x260

Certamente, resulta difícil saber cando é que comeza a existir un grupo de música. Sobre todo cando o tempo vai pasando e chega o momento de celebrar as efemérides de rigor. Así o dixo Gorka Bravo Barreiro cando apareceu no escenario do teatro “Félix Petite” o pasado 16 de maio: “Cando naceu Arte Galega?”. Contamos a partir do primeiro concerto? O primeiro ensaio? Ou quizais a primeira vez que a alguén se lle ocorreu suxerir, quizais diante da cunca de viño e da tallada ritual, algo así como: “Collemos a gaita por banda e botámoslle un par de pezas, ou?”. Mais en fin, por aquilo da veneración que espertan as datas redondas, conveñamos en que foi hai 50 anos, cando os irmáns Jesús e Avelino Rodríguez Arteaga fixeron soar as gaitas por vez primeira en Vitoria-Gasteiz no día de Santiago de 1964. Nese intre naceu Arte Galega. E, desde entón, a súa actividade musical non se detivo.

arte galega pipers

Tratándose dun grupo de música tradicional, poucos xeitos mellores de celebrar medio século de vida que enchendo unha sala con xente desexosa de desfrutar das gaitas, das pandeiretas e mais dos tambores. Co teatro do Centro Cívico de Ibaiondo ateigado de público (esgotáronse as entradas aos poucos días de se poren á venda), Arte Galega, baixo a batuta do seu director Gorka Bravo Barreiro, foi partillando cos asistentes varias das pezas máis senlleiras do seu repertorio das últimas décadas, actualizadas e postas ao día para a ocasión. Tal foi o caso do tema “Comezo”, que reúne un pasarrúas e mais a danza de Patelas (coñecida no grupo como “Muiñeira dos Tres Dedos” por mor da súa peculiar execución), ou do pasodoble “De Vigo a Santiago”, ou mesmo da alborada da Lanzada, interpretada pola banda na apertura da Porta Santa da Catedral de Santa María no Ano Xacobeo 1999. Non faltaron tampouco os temas cantados, como a ronda de Mangüeiro (aprendida de Leilía e que adoitaban cantar as cantareiras do grupo nas noites de foliada) ou “Adelaida”, nos que Aiara Viana Cora exhibiu a potencia da súa voz axeitándoa ás exixencias do canto tradicional galego.

Mais medio cento de anos é tempo de máis como para o celebrar cun concerto de consumo interno e, neste sentido, un dos grande acertos de Arte Galega foi contar coa participación de músicos convidados de primeiro nivel. Puidémolo comprobar cando fixeron a súa aparición dous verdadeiros monstros do escenario, a representaren cadansúa tradición musical: Xabier Díaz, do lado galego, e Kepa Junkera, do lado vasco. O cantante de Berrogüetto e de aCadaCanto, entre outros, culminaba con este concerto unha pequena xira que o levou durante eses días ao Conservatorio de Trintxerpe, á Faculdade de Letras de Vitoria-Gasteiz e á Universidade de Deusto.  Pola súa banda, Kepa Junkera xa é un vello coñecido dos rapaces de Arte Galega, que colaboraron con el na apresentación do seu disco Galiza realizada na Faculdade de Letras o pasado mes de novembro. As pezas interpretadas a dúo por Díaz e Junkera crearon un territorio de improvisación, ese vértigo no que o trikitilari de Errekalde se manexa especialmente ben á hora de tecer e destecer cancións. De feito, un dos momentos álxidos do concerto chegou precisamente cando, nunha desas viaxes de ida e volta ao longo desa A-8 musical, Xabier Díaz se atreveu cunha versións dun dos temas vocais máis emblemáticos do repertorio vasco, “Maitia nun zira”. A nómina de colaboradores non se podía pechar sen a presenza de Parradust, o grupo de referencia cando falamos de música irlandesa en Vitoria-Gasteiz, que interviu en dous temas, entre eles a jig con que se clausurou o recital.

diaz eta kepa gasteizen

Tratouse, por tanto, dun concerto variado e moi especial, que durante dúas horas converteu a cidade alavesa na capital da música tradicional galega en Euskal Herria. As persoas que adquirisen a súa entrada polo prezo de 8 euros poderán desfrutar, para o vindeiro Día de Santiago, a gravación do evento en DVD. Polo de agora só nos resta dicir: “Zorionak, Arte Galega!”. E até dentro doutros cincuenta anos!

Advertisements
Estas entrada foi publicada en ACTIVIDADES coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s