Joxemari Sestorain: “Os poemas de Lois Pereiro son dun dramatismo e unha forza demoledores”

Foto Joxemari Sestorain I (1)

Desde hai unhas semanas, a voz de Lois Pereiro resoa tamén en éuscaro. O mérito é de Joxemari Sestorain (Leitza, 1960), que vén de publicar a tradución a esa lingua da Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995), baixo o título de Akaberako poesia amodioaz eta gaitzaz (1992-1995)  (Denonartean). O oficio de Joxemari Sestorain vertendo textos literarios doutras linguas ao éuscaro está fóra de toda dúbida: obras como Marta maitea, do catalán Martí i Pol, ou Erruletazalea, do romanés Mircea Cartarescu, son só dúas mostras da súa traxectoria neste ámbito ao cal, de feito, se dedica profesionalmente.

–A tradución de Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995), é a túa primeira incursión na literatura galega, ou xa tiñas abordado noutras ocasións a tradución de textos no noso idioma?

Pois si, é a primeira incursión que fago na literatura galega. Teño realizado varias probas co portugués, para min moi interesantes. Hai tanto que traducir, tan bo e en tantas linguas, que un séntese inerme. Porén, en canto descanse un pouco, supoño que volverei “reincidir”.

–Cales foron os motivos que te levaron a fixarte na figura e na obra de Lois Pereiro?

Coñecín a Lois por volta de 2010, moi serodiamente. Creo que os poemas son dun dramatismo e dunha forza demoledores. Ademais, Lois proviña dun entorno rural e enfrontouse a unha serie de problemas (crise industrial, de valores, crise político-económica…) que tamén estiveron e están moi presentes en Euskal Herria. Por outra banda, escribiu en galego, o que implica, ao meu entender, unha opción lingüística clara. Para rematar, repito o que me comentou unha amiga galega: “Lois escribía totalmente diferente aos demais”, e referíase aos outros poetas e poetisas de Galiza. A súa orixinalidade está fóra de discusión. Todo iso e moitas cousas máis converten a Lois nunha figura apaixonante.

–Todo traballo de tradución literaria apresenta unhas dificuldades inherentes, que se ven incrementadas cando o texto base pertence ao xénero poético. No teu caso, cales foron os obstáculos máis relevantes que tiveches que salvar á hora de verter a Lois Pereiro ao éuscaro?

O primeiro obstáculo é, sen dúbida, o relativo á comprensión do manifestado polo autor. Ás veces resulta ambiguo, cando menos. Alguén falaba de “zonas de penumbra luminosa”, do enigmático na obra de Lois. É dicir, debe ser escoitado con suma atención. Afortunadamente, contei para iso coa inestimábel axuda de María Alonso, poetisa e tradutora, que me facilitou moito o primeiro labor, o empático, por dicilo así.

Sobre o modo de tradución, sempre subliño que me baseo, principalmente, na tradición oral e na poesía contemporánea (en éuscaro, claro). O resto é dedicación e horas de traballo. No meu caso, a verdade é que moitas. E, como asinalo nas notas do libro, axudáronme catro correctores (todos tradutores). Dez ollos ven máis ca dous.

Polo demais, na tradución cada un ten o seu xeito de traballar, que fica patente cando encontras dúas traducións do mesmo poema orixinal: eis o caso de dez dos poemas do libro. Calquer persoa pode consultalos na rede.

–Tal e como ti mesmo comentabas, Lois Pereiro foi, sen dúbida ningunha, un autor moi singular no contexto poético galego, o que talvez explique a influencia que aínda segue a exercer sobre moitos poetas actuais. Cres que existe ou existiu na literatura vasca algún autor ou autora homologábel, no tocante á súa proposta poética e/ou vital, a Lois Pereiro?

Sen pretender ser taxativo, eu diría que non contamos cun poeta dunha traxectoria homologábel á de Lois Pereiro. Penso que hai poetas e poetistas moi bos, mais que expresen o que el expresou, e dun xeito semallante, non o vexo.

Arsenio Iglesias Pazos, poeta galego residente en Bilbo, considera que entre a cultura galega e mais a vasca existen numerosas similitudes, mais que son interpretadas de xeito moi diferente en cada un dos nosos dous países. Que pontos en común detectas entre Galiza e Euskal Herria, e en que aspectos consideras que existe unha maior diverxencia?

Canto aos pontos en común, un moi importante: as nosas linguas están minorizadas, sometidas, obrigadas a loitaren pola súa supervivencia un día si e outro tamén. O que conleva un esforzo engadido na normalización a todos os níveis, na creación de produtos culturais, na súa distribución… Canto aos aspectos diverxentes, creo que o galego ten un par de vantaxes notábeis con respeito ao éuscaro: unha, o seu carácter de lingua románica, que garda moitas similitudes coas da súa contorna; e outra, que conta moi preto co portugués, ao cal amparan algúns estados e que goza de moi boa saúde. Por tanto, a soidade que padece o éuscaro, o seu reducido número de falantes… son cuestións que o galego ten solventadas. Son apreciacións feitas desde a distancia, cuxa veracidade pode ser posta en entredito, obviamente.

Xa para rematar, gostariamos de que escolleses un poema do libro e un poema de calquer outro autor ou autora que sexa especial para ti.

Do libro de Lois, postos a elixir, quedo con “Acróstico”. Seguindo a mesma tesitura, elixiría unhas liñas de “Otoitza”, de Joxe Azurmendi, do seu libro Hitz berdeak (por citar algún euscaldún):

Beti joan naiz bidetik

—ez lagunik,

ez argirik—

Beti joan naiz neuretik,

ez nadukan atsedenik.

 Joan nintzan aurrerago

—ihesi guztiengandik,

neuregandik,

neure gabe, gabeago—

beti norako gaberik.

 Beti,

ta gaur urrunegi nago

itzultzeko.

Máis sobre Joxemari Sestorain…

♦ Un libro: Incidents, de Roland Barthes

 Unha canción: “La mamma morta”, de Umberto Giordano

 Un deporte: trekking

 Unha afección: A natureza

 Un filme: Contos de Toquio, de Yasujirô Ozu

 Un prato: Alcachofas con xamón

 Un lugar: Ireber

 Unha marabilla: A luz nun bosque de faias, nun día solleiro de inverno

Advertisements
Estas entrada foi publicada en ENTREVISTAS, NOVIDADES coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

2 Responses to Joxemari Sestorain: “Os poemas de Lois Pereiro son dun dramatismo e unha forza demoledores”

  1. Joxemari Sestorain di:

    Paulo, mila esker. Egonen gara, j

  2. Pingback: “Camiños de ida e volta / Joan-etorriko bideak” na Universidade de Deusto | Galego en Euskal Herria

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s