Magostos e cabazas: é tempo de Defuntos!

Bendito mes, que comeza con Santos e remata con Santo André. Tal e como indica o vello proverbio galego, o mes de novembro é moi especial no noso calendario tradicional, pola súa vinculación co mundo dos mortos e do Alén. Os primeiros días do mes, de feito, están consagrados pola propia igrexa católica á lembranza dos defuntos, mais non debemos esquecer a importancia do derradeiro día de novembro, dedicado a Santo André, un dos santos máis venerados pola tribo galega, e cuxo santuario de Teixido, entre os cantís da serra da Capelada, é unha auténtica “zona cero” de cristianismo pagán (ou de paganismo cristianizado, o mesmo dá).

A noite do 31 de outubro para o 1 de novembro identifícase, na cultura de masas contemporánea, coa celebración do Halloween. Mais, como moitos xa saberedes, o Halloween norteamericano, popularizado a través de filmes, libros e videoxogos, non é máis que a evolución dunha festividade moito máis antiga, con ramificacións abondosas no mundo precristián (en xeral) e céltico (en particular). Nesa noite, en moitas tradicións da Europa atlántica, tiña lugar a pasaxe do ano vello para o ano novo, a cal ía acompañada da práctica desaparición das fronteiras entre o mundo dos vivos e o dos defuntos (o que na tradición galega se coñece como parroquia dos vivos e parroquia dos mortos). Por esa razón, o contacto e a relación entre o Aquén e o Alén facíase especialmente doada e fluída nesa noite. En Galiza sobreviviron até practicamente os nosos días varios costumes explicábeis en base a esta crenza: pór un prato baleiro á mesa para os defuntos (algo que tamén se repetía noutras datas, como Noiteboa) ou deixar as portas da casa sen pechar para que as ánimas puidesen abeirarse do frío na lareira familiar, por exemplo. Incluso o coñecidísimo trick or treat norteamericano ten paralelos autóctonos en costumes como o migallo, unha especie de aguinaldo que pedían os rapaces polas casas da aldea na noite da véspera de Defuntos, e que Lence Santar aínda puido contemplar en directo no Mondoñedo de comezos do século XX (aínda que hoxe sabemos que era unha práctica estendida por todo o país). No monte do Seixo, en terras de Cerdedo, eran moitas as persoas que subían nesa noite ao lugar de Portalén, onde unha estraña formación pétrea servía como canle para se comunicar co mundo dos defuntos, nunha das tradicións máis interesantes e xenuínas de cantas conservamos en Galiza relacionadas con esta noite. Podedes saber máis sobre ela aquí mesmo.

portalém

Outro costume moi relacionado con esta noite (se ben se realizaba ao longo de todo o mes de novembro) é o de tallar cabazas, nabos ou melóns, dándolles forma de cabeza humana. Esta práctica (que en absoluto debe considerarse unha interferencia ou copia do Halloween anglosaxón) foi redescuberta hai varios anos na comarca do Ortegal, e experimentou un auténtico revival por toda Galiza. De feito, foi neste contexto no que se importou a palabra gaélica Samain (cuxo significado é literalmente ‘a fin do verán’), utilizada na cultura céltica irlandesa para denominar a noite do que, coa posterior cristianización, sería a véspera do día de Todos os Santos. Na actualidade, a celebración do Samaín encóntrase xa moi estendida, sobre todo nos centros de ensino, onde cada ano milleiros de rapaces e rapazas compiten por tallar as cabazas máis orixinais e terroríficas!

calabazas-halloween

Mais, sen dúbida, un dos elementos indispensábeis nestas datas é o magosto, no que se asan castañas e se proba o viño novo, e que constitúe unha celebración chea de ritos e significados proprios (por exemplo, cantas máis castañas se coman, máis ánimas conseguen abandonar o Purgatorio).  Probabelmente haxa que ver no magosto a pervivencia de antigas celebracións orxiásticas nas cales a comida e mais a bebida en exceso eran as protagonistas, e podían permitir un maior contacto co mundo dos defuntos. En documentos do século XVI, a xerarquía eclesiástica da diocese de Mondoñedo mostrábase escandalizada pola celebración dese tipo de banquetes “pecaminosos” no interior das proprias igrexas. Eran, sen dúbida, outros tempos! Mais o que é certo é que, aínda na actualidade, o magosto constitúe unha cita indispensábel no calendario galego, e moi especialmente entre as comunidades galegas espalladas polo mundo adiante. E, para comprobalo, só tendes que dar unha volta polos centros galegos de Euskal Herria nestas semanas!

Tixolo_con_castañas

Por certo, permanecede atentos a este blogue, porque nos vindeiros días irémosvos informando das actividades previstas polos lectorados de Deusto e de Vitoria-Gasteiz para celebrar este tempo de Defuntos en que nos encontramos mergullados de cheo.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en VARIA coas etiquetas , . Ligazón permanente.

6 Responses to Magostos e cabazas: é tempo de Defuntos!

  1. Pingback: Celebración do “Samaín” na Universidade de Deusto | Galego en Euskal Herria

  2. Pingback: Celebración do “Samaín” na Facultade de Letras da UPV/EHU | Galego en Euskal Herria

  3. Pingback: ¿Morriña de la cultura alemana?

  4. Pingback: O mes de novembro évos tempo de magostos (Kastanienfest) e defuntos (Verstorbener) | Galicien Zentrum der Universität Heidelberg

  5. Pingback: Conferencia de Marcial Gondar en Masustegi (1993) | Galego en Euskal Herria

  6. Pingback: Contos, música e magosto para celebrar o Samaín en Vitoria-Gasteiz | Galego en Euskal Herria

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s