Arsenio Iglesias Pazos: “Alguén imaxina 100.000 visitas á feira do libro e o disco galego? Pois en Durango iso pasa todos os anos!”

Arsenio iglesias pazos /

Arsenio Iglesias Pazos leva varios anos a residir en Bilbo, mais naceu no lugar da Armada, en Maniños (Fene), aló por 1978. Nun lugar que, como el mesmo di, está no punto medio entre “o cume dun monte, a silueta dun castro, o raposo, eucaliptos, algún ameneiro aínda” e “unha cidade, unha ría, estaleiros, reconversión”. Ese carácter fronteirizo, por dicilo así, seguramente deixou pegada en moitas das composicións que conforman Ático (Edicións Positivas), o seu primeiro poemario, e froito dunha longa peripecia de varios anos da que dá boa conta nesta entrevista.

Ático é o teu primeiro poemario, mais a súa publicación foi pouco menos que unha odisea. Como foi o proceso?

Pois, co voso permiso, e aínda que quede unha resposta moi longa, gustaríame aproveitar para contar a historia completa. O peculiar do que lle ocorreu a este libro non foi a dificultade para atopar unha editorial que lle dixese que si. O peculiar foi que tres editoriais dixeron si, pero por diversos motivos a cousa truncouse con dúas.

O libro levou en 2006 o premio Avelina Valladares, que convoca o Concello da Estrada. E o concello, a pesar de non estar obrigado polas bases do certame, ten o costume de asumir os gastos da publicación en Edicións Fervenza. Logo de gañar, cada vez que eu chamaba á Estrada, íanme dicindo que había que agardar un pouco máis, que había libros de certames anteriores que aínda estaban pendentes tamén. Até que, despois de 2 anos, un día souben que publicaran o gañador de 2007. Fixen unha viaxe de 600 km. para presentarme alí, e só entón foi cando me dixeron que descartaban a publicación porque non había cartos. Curiosamente, ao tempo que eu recibía ese argumento, a contía do premio aumentaba de 1500 a 2000 euros e reducíase moi notablemente a demora da edición.

Así as cousas, e sen ter chegado nunca a saber por que, Ático conta co triste mérito de ser, dentro das últimas 10 edicións, o único gañador do Avelina Valladares que non recibiu apoio do Concello da Estrada para saír do prelo. Con sinceridade, recibir o certame fora unha noticia importantísima para min e fixérame moita ilusión. Pero a día de hoxe, e aínda que me desagrade dicilo, non podo estar agradecido en absoluto a ese premio.

Logo diso, levamos o libro a Espiral Maior, e aceptaron. A cousa foi lenta tamén, mais avanzaba. Mais pasados outros dous anos, cando xa estaba a portada lista, cando xa estaba o libro maquetado, cando xa se podía ler “Ático” na solapa doutros libros dentro do apartado “Últimos títulos publicados”, un día recibín un correo electrónico da editorial dicindo que baixaran as vendas un 60% e que a Xunta non mercaba fondos para bibliotecas, así que, no último momento, non ían poder sacar o libro. Foi un golpe peor có anterior. Era unha editorial estupenda e, pasados 4 anos, había que volver empezar de cero.

De modo que a seguinte opción foi Edicións Positivas, unha editorial pequena pero encantadora, á cal teño que estar moi agradecido. Pasou outra vez o tempo, pero por fin, xa en 2013, publicouse o libro e rematou esta historia incomodamente longa.

E para máis inri, sucederon paralelamente un par de cousas máis, como que cando se publicou o gañador do Avelina Valladares do 2007, levaba impreso na portada “Gañador do X Certame de Poesía Avelina Valladares”, mais o gañador da décima edición fora eu. E aínda peor foi saber anos despois que o libro tamén levou outro premio de máis prestixio (e que incluía publicación), mais tiveron que llo retirar porque xa levara só uns días antes o Avelina Valladares.

–Que aspectos consideras que converten Ático nun poemario singular, diferente, ou simplemente recoñecíbel, dentro do contexto da poesía galega actual?

Esa é unha pregunta difícil de responder. O xurado do Avelina Valladares dixo do libro que lles gustara a linguaxe poética do cotián, a estética melancólica e o pouso de tenrura que contén. A min pareceume unha descrición moi bonita. A verdade é que eu non o escribín con ningunha pretensión de ser diferente nin de transcender. De feito, en inicio só eran os poemas que ía levando a un obradoiro de literatura.

–Nos últimos anos está a haber unha especial efervescencia no panorama poético galego: novos nomes, novos proxectos, novas iniciativas… Como valoras o momento actual? Que liñas ou tendencias che parecen máis interesantes, ou cales botas de falta?

A verdade é que a miña perspectiva é máis a dun afeccionado cá dun crítico. Eu xa levo bastantes anos fóra do país e non estou moito ao día do que se está a facer. Pero Antonio Gamoneda, Premio Cervantes, dixo unha vez: “Si se pudiera extraer una media cualitativa de la poesía gallega –y algunos otros géneros–, sería superior a la que nos proporcionaría la poesía en castellano. Lo pienso, y lo digo”. Con esta frase non se trata de crear ningunha competición entre as dúas literaturas, nin moitísimo menos. O interesante é que unha persoa da altura de Gamoneda tivese o detalle de avisar do valor da poesía galega, e tamén de lle dar visibilidade.

Por outro lado, eu valoro especialmente a oralidade, porque me parece a vía fundamental para que a poesía chegue á xente, e nese senso destacaría o esforzo de orixinalidade que teñen, poñendo por caso, os combates da Hostia en Verso.

–”O día que soubo que tiña que marchar…”  Así comeza un dos poemas de Ático, baseado –supomos nós– no que significou saber que tiñas que abandonar o fogar e marchares a Bilbo, onde na actualidade traballas e resides. Como viviches ese cambio?

Por un lado, tivo a parte negativa de deixar a casa, os amigos, deixar o idioma, deixar o obradoiro de literatura, o equipo de balonmán ou a directiva d’O Pote. Era unha época na que empezaba a participar nalgúns recitais e a coñecer xente da literatura e lembro aquel tempo con moito cariño. Pero vir para Bilbo non foi ningunha desgraza. Permitiume ver mundo, ser independente e coñecer unha sociedade apaixonante, de enormes coincidencias coa nosa pero cunha maneira moi diferente de interpretalas.

–Como valoras a presenza e difusión da cultura galega en terras vascas?

As cidades vascas non son hoxe en día unha prioridade para os galegos que optan por emigrar. E iso percíbese en que non hai tanta actividade coma en Barcelona ou Madrid, lugares capaces non só de difundir a cultura, senón incluso de creala. Os centros galegos aquí, en Euskadi, dispoñen dunha loxística verdadeiramente considerable, pero bótase moito de falta a incorporación de xeracións máis novas que acheguen (ou acheguemos) os aires actuais que se respiran na música, na literatura, na arte, no humor …

–Un autor coma ti, a medio camiño entre Galiza e Euskal Herria, conta cunha perspectiva privilexiada á hora de comparar o universo cultural e literario deses dous países. Que puntos en común detectas? Que diferenzas salientarías?

A literatura vasca ten o inconveniente de que hai que coñecer moi ben o idioma para poder acceder a ela. Iso fai que, en moitas ocasións, poetas euskalduns teñan que recitar os seus poemas en dous idiomas, ou que para moita xente o sistema literario sexa unha dimensión paralela completamente descoñecida.

Con todo, o apoio social é impresionante. Proba diso son as afluencias masivas a eventos coma a Feira do Libro de Durango, a Korrika, o Herri Urrats, as Bertsolari txapelketak etc. Alguén imaxina que se xunten 13.000 persoas nun pavillón deportivo en Compostela para ver un torneo de regueifas? Pois en Barakaldo ten pasado. Ou 100.000 visitas á feira do libro e o disco galego? Pois en Durango iso pasa todos os anos.

–Xa para rematar: escolle un poema do teu libro e un poema de calquera outro/a autor/a que sexa especial para ti.

No libro hai dous poemas especialmente sentidos. Dun deles acabamos de falar. O outro é o último do libro, sobre miña nai. Hai anos fixen unha viaxe a Tenerife que foi moi importante para min e levaba a intención de escribir á volta algo sobre ela. Pero cando cheguei á casa, deime de conta de que o poema non estaba na viaxe, senón no recibimento dunha nai que ve o fillo chegar máis lonxe do que ela chegou nunca.

O poema que escollo doutro autor é “Agardando polos Bárbaros”, de Kavafis. É un clásico das recomendacións, pero non podo evitalo. Está á disposición de calquera lector só con buscalo pola internet.

Máis sobre Arsenio Iglesias Pazos…

♦ Un libro: Do descoñecido ao descoñecido, de Manuel Rivas

 Unha canción: Tratorada“, de Rastreros

 Un deporte: O balonmán. 24 anos xogando

 Unha afección: A gastronomía

 Un filme: Once upon a time in America, de Sergio Leone

 Un prato: Croquetas

 Un lugar: O conxunto Fragas do Eume – Ría de Ares

 Unha marabilla: Falar idiomas

Advertisements
Estas entrada foi publicada en ENTREVISTAS coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

3 Responses to Arsenio Iglesias Pazos: “Alguén imaxina 100.000 visitas á feira do libro e o disco galego? Pois en Durango iso pasa todos os anos!”

  1. Pingback: Joxemari Sestorain: “Os poemas de Lois Pereiro son dun dramatismo e unha forza demoledores” | Galego en Euskal Herria

  2. Pingback: Bilbao | O porto dos escravos

  3. Pingback: Ático, de Arsenio López Pazos | Caderno da crítica

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s